viernes, 14 de junio de 2013


LÉXICO

1.- PREPARACIÓN DA TERRA:

Esfender: Arar por primeira vez un terreo.
Achanzar/ Achallar:Poñer chá a superficie dun terreo.
*Entrarresar: Cruzar os primeiros regos noutro sentido.
Asucar:Facer sucos ou regos nuha leira.
Fender: Abrir sucos ou regos
Refender:Volver fender para tapar a semente.
Rendar./Arrendar:Arrimar terra ao pé dos cultivos.


2.- FERRAMENTAS/APEIROS.

Aixada/*eixada:.Apeiro de labranza formado por unha pa de ferro e un mango que se usa para cavar ou sachar a terra.
Aixada
Arado: Apeiro de labranza formado por unha rella ou prancha de ferro cun temón e cunha rabela, que se emprega para abrir regos na terra. Arado de ferro:Feito de ferro. Arado romano: Feito de pau. 

Canizo/Caínzo/ Grade: Apeiro de labranza de forma rectangular con paus entretezidos para achanzar a terra dunha leira arada.
Cribo/Criba: Instrumento formado por unha caixa circular cun fondo metálico ou de coiro con buratos que se emprega para limpar o cereal.
Fouce: Instrumento agrícola de folla metálica curva cun mango de madeira que serve para rozar ,segar etc. .Sin. Fouciña, Fouciño, Gadaño, Lampo, Lanzafouces.
Legón :Instrumento agrícola que consta dunha pa de ferro unida a un mango de madeira que serve para cavar a terra.var. Ligón.
Mallo: Instrumento agrícola que consta de dous paus unidos por unha correa de coiro que se utilizaba para mallar o gran. Sin. malle, manlle, manle.
Rastro: Instrumento agrícola de madeira, parecido a un angazo, que se utilizaba para achaiar a superficie dun terreo.


3.- ÚTILES PARA GARDAR OU MEDIR O GRAN:

Ferrado /Tega: .1 Medida de superficie que varía entre os catrocentos e os seiscentos metros cadrados. .2 Medida de capacidade formada por unha especie de caixón de madeira que se utiliza para medir cereais e que oscila entre os doce e os vinte quilos ( Kg).
Hucha/Tulla: Caixóns de madeira ou doutro material para gardar o gran ou outras.
Artesa: Recipiente de madeira utilizado para amasar o pan.


4.- OUTROS:

Borrea: Montóns de terróns, herbas, etc., que se queimaban e cuxa cinsa servía de abono.
Bouza: Terreo a monte, con maleza.
Estivada: Traballo agrícula que consiste en rozar e cavar un monte, queimar os terróns e estender a cinsa para despois sementar trigo ou centeo.
Embelga: Cada unha das partes en que se divide unha leira para sementala. Sin. Treita.
Farelo: Casca do gran, despois de separar a fariña; serve de alimento para o gando.
Maioral: Persoa que dirixe unha cuadrílla de segadores e vai diante.
Meda: Morea de mollos que se colocan, xeralmente na eira, antes de ser mallados.
Medeiro: Montón de mollos colocados verticalmente na leira despois de segar.
Mollo/Monllo: Conxunto de cereal atado. Pabeas atadas.
Pabeas: Conxunto de cereais segados, antes de seren atados en mollos.
Rabeleiro: Persoa que vai de último na sega.
Viorto/ Vencello : Especie de corda feita de palla que serve para atar os mollos.


viernes, 23 de noviembre de 2012

REFRÁNS

"O que sementa en leira allea, perde o tempo e a colleita"

"De sementeira e de casar, consellos non queiras dar"

"A auga por san Xoán, tolle o viño e non dá pan"

"O día de san Xoán créballe a primeira raíz ao pan;
o de san Pedro créballe a do medio;
o de Santiago créballe a do cabo
e o de santa Isabel, fouciño a el"

"O pan con ollos, o queixo cego e o viño vello"

"Eramos poucos e pariu miña avoa; 
sobra xente para comer a broa"

"Ano de nevadas, ano de fornadas"

"Nin muíño sen rodicio, nin home sen oficio"

CANTIGAS

Ai Rosiña, Rosiña de pelo,
vén comigo mallar o centeo;
o centeo, o centeo a cebada.
Ai Rosiña, miña namorada.

Se queres a boa moza,
non vaias por ela á feira;
vaina buscar á súa casa
o día da sementeira.

Miña nai non quere que vaia ao muiño,
porque o muiñeiro rebrinca comigo;
rebrinca comigo e lévame á cama,
miña nai non quere que ao muiño vaia.

Unha noite no muíño,
unha noite non é nada;
unha semaniña enteira,
esa si que é muiñada.

O meu home foi de troula
e veu cheo de fariña;
el muiñeiro non é
non sei a quen se arrima.

O crego foi ao muíño,
era mellor que non fora,
que coa punta da sotana
varreu a fariña toda.

Moito me gusta o amo de hoxe,
que ten cara de pracer
e ten viño tinto na cuba
para nos dar de beber

Hei de ir ás segas a Lugo
e hei de levar a galega,
de día atareina ao pau
e de noite durmirei con ela.

lunes, 19 de noviembre de 2012

A ELABORACIÓN DO PAN

O gran levábase moer ao muíño para obter fariña. Os muíños adoitaban ser de pedra e a maioría tiñan unha soa roda. O gran botábase na moega e segundo se quixese fariña miúda ou brava, abríase a respectiva peneira. Como pago deste traballo o muiñeiro collía parte do gran que se levaba, que recibía o nome de maquía.

O pan elabórase con fariña, auga, sal e lévedo. A véspera de cocer faise o requento, con fariña e o lévedo, un anaco de masa que se deixa da outra fornada tapado con sal e unha berza por riba. Amásase e déixase ata o día seguinte.

Bótase a fariña na artesa, engádeselle auga morna con sal e o requento. Logo amásase coas mans. Cando está todo ben mesturado, tápase e déixase levedar algo máis dunha hora. Unha vez levedado, córtase en anacos e dáselle forma para meter no forno cando estea quente.

Cando a masa empeza a subir, comézase a quentar o forno con leña de xesta, carballo, bidueiro, salgueiro... O tempo para quentalo é diferente para cada forno, pois depende do tamaño, do grosor das pedras, etc. De vez en cando hai que retirar as brasas e a borralla, coa axuda do rodo. Antes de meter o pan no forno várrese cunha vasoira de xestas.

Logo, coa axuda dunha pá de madeira, métese o pan no forno e tápase axustando ben a porta para que non enfríe. Algunha xente fai unha cruz coa propia pá na porta, outros din oracións ou levantan a tapa da artesa para que o pan medre. A cocedura dura máis ou menos hora e media.

Normalmente, o pan facíase con fariña de centeo para comer a familia todos os días. Para as ocasións especiais, como festas, elaborábase con fariña de trigo. Co paso do tempo empezouse a sementar máis trigo e, loxicamente, a facer o pan de diario con trigo. Algunhas veces tamén se facían tortas de millo.

miércoles, 14 de noviembre de 2012


A MALLA

Malla en Ferreira de Pallares en 2010
 No mes de agosto realizábase a malla, que consistía en separar o gran da palla. Isto facíase con mallos, que eran dous paus de madeira unidos cunha tira de coiro. Máis tarde empezaron a vir máquinas malladoras e limpadoras.

Primeiro limpábase ben a eira con vasoiras de xesta e de codeso. Algunhas estaban ben preparadas, pero outras presentaban furados e había que facer unha pasta con bosta de vaca e auga que se estendía cunha vasoira de xesta para alisar o chan.

Facendo o palleiro
Xuntábanse os veciños e alugaban unha máquina malladora. Xa na eira, repartíanse o traballo: os máis novos situábanse na meda tirando os mollos á máquina; alí, tres ou catro persoas desatábanos e poñíanos no taboleiro, onde outras dúas, a relevos, espelíanos para poder meter o cereal na máquina. Polo lado que saía a palla, recollíana as espalladoras coidando de que non levase gran. Neste punto esperaban os carretadores, normalmente os máis novos, para que lles enchesen as cordas co brazado, que levaban ao lugar onde dúas persoas, normalmente as máis veteranas e curiosas, a colocaban e facían o palleiro. Outros arrastraban o gran cun rodo para unha pila. Este limpábase cunha máquina limpadora, medíase cun ferrado e gardábase nunha tulla ou nunha hucha. Ao rematar a malla comían na casa que tocara facer o traballo e cantaban e bailaban ata cansar.   
                                                                                                                                                               
Comida despois da malla
                                  

viernes, 9 de noviembre de 2012

A SEGA

Sega en Guntín. Verán 2010
Tiña lugar cando o froito estaba maduro, desde finais de xullo ata agosto. Mediante un grupo de persoas, constituído por veciños e familiares, formábanse rogas para levar a cabo este labor. Estas cuadrillas compoñíanse dun maioral (o que ía diante), segadores e atadoiras. Os rabeleiros eran os últimos. Os homes, provistos de fouciños, realizaban o corte do cereal, mentres que as mulleres atábano e facían mollos (pequenos feixes que se ataban con corres e coa mesma palla). Os rapaces xuntábanos nuns lugares sinalados e, posteriormente, os maiores colocábanos de pé arrimados uns a outros facendo medeiros. Logo carretábanse para as eiras en carros xunguidos por vacas, pois daquela había poucos tractores. Alí facían unha meda, dispoñendo os mollos en forma de roda coas espigas cara o centro. No seu cume, poñíanse uns mollos ben apertados para que non entrase a auga, e todo o seu arredor petábaselle cunhas táboas.

jueves, 8 de noviembre de 2012

A SEMENTEIRA


Arados de ferro
Realizábase no mes de outubro. Previamente, transportábase o esterco procedente das cortes ou das esterqueiras que se facían nos camiños arredor das casas, a base de toxos, xestas e folla, e repartíase en pequenos montóns ao longo da leira. O día elixido para a sementeira, dividíase o terreo en embelgas, que se sinalaban con ramas ou con palla, e as mulleres ían estendendo o esterco diante, mentres que os homes da casa sementaban á manta o gran. A continuación, tapábase o cereal facendo regos grosos co arado de pau, ao que se lle colocaba unha presada de palla ou xestas entre as abeacas para que xuntase ben a terra dun rego co outro e non volvese á canle. Así, a semente saía polo suco. Nalgúns casos, tamén se sementaba algún centeo pola cal, que se segaba no mes de xuño para utilizalo como alimento do gando.

Pola Santa Cruz, a principios de maio, protexíanse os cultivos das xeadas e da pedrada colocando unha cruz de oliveira nun carozo sostido por unha vara, que previamente fora bendicida o Domingo de Ramos, acompañando a cerimonia cunha xaculatoria.