viernes, 9 de noviembre de 2012

A SEGA

Sega en Guntín. Verán 2010
Tiña lugar cando o froito estaba maduro, desde finais de xullo ata agosto. Mediante un grupo de persoas, constituído por veciños e familiares, formábanse rogas para levar a cabo este labor. Estas cuadrillas compoñíanse dun maioral (o que ía diante), segadores e atadoiras. Os rabeleiros eran os últimos. Os homes, provistos de fouciños, realizaban o corte do cereal, mentres que as mulleres atábano e facían mollos (pequenos feixes que se ataban con corres e coa mesma palla). Os rapaces xuntábanos nuns lugares sinalados e, posteriormente, os maiores colocábanos de pé arrimados uns a outros facendo medeiros. Logo carretábanse para as eiras en carros xunguidos por vacas, pois daquela había poucos tractores. Alí facían unha meda, dispoñendo os mollos en forma de roda coas espigas cara o centro. No seu cume, poñíanse uns mollos ben apertados para que non entrase a auga, e todo o seu arredor petábaselle cunhas táboas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario