miércoles, 20 de junio de 2012

A PREPARACIÓN DA TERRA



A preparación máis laboriosa era a das bouzas. Primeiramente rozábase a maleza existente coa axuda de fouces, que se levaba en carros para estrar as cortes. Logo, valéndose de legóns e aixadas, cavábanse os terróns e deixábanse secar. Unha vez secos, amontoábanse en borreas e queimábanse. A cinsa obtida estendíase polo terreo e servía de fertilizante.


Asucando co arado romano
As leiras arábanse co arado de ferro ou co de pau, tamén chamado romano, tirado por unha parella de vacas, aínda que as casas moi ricas posuían algunha parella de bois. Logo, gradábase ou acanizábase para desfacer os terróns e volvíase arar con regos máis miúdos, para que a terra quedase máis solta. Despois de volvela gradar, atopábase lista para a sementeira. Nas leiras deixadas a coita, que estaban descansadas do ano anterior, o traballo era máis doado e non esixía realizar tantas araduras.


Na terra que se cultivaba anualmente, o normal era empregar a rotación de cultivos. Deste xeito, na que un ano se sementaba centeo, ao seguinte botábase millo; mentres que na que se plantaba trigo, a sementeira seguinte era de patacas.

lunes, 18 de junio de 2012

PATRIMONIO LINGÜÍSTICO DE OFICIOS TRADICIONAIS

 Este blogue xorde como consecuencia dun traballo conxunto entre o CPI San Tomé do Carballo, de Taboada, e o CPI Tino Grandío, de Guntín, sobre a recuperación de léxico de oficios tradicionais.